Translate

sexta-feira, 20 de janeiro de 2012


"Maré" de encontros musicais ...

Xuntar no escenario algunhas das voces máis interesantes das músicas de lingua galega e portuguesa. Ese é un dos principais atractivos de Cantos na Maré, o festival internacional da lusofonía que o sábado 14 de xaneiro ás 21:00h volve ao Pazo da Cultura de Pontevedra para celebrar a súa novena edición, de novo coa dirección artística de Uxía.

Carlos do Carmo, historia viva do fado con case 50 anos de carreira, e Mayra Andrade, chamada a ser a sucesora de Cesária Évora na difusión internacional da música de Cabo Verde, son dúas das principais referencias desta edición. Xunto a eles estarán a brasileira Socorro Lira, coa súa reinterpretación do legado musical atlántico, e Xoán Curiel, cantautor pop galego libre de prexuízos.


O espectáculo virá, coma sempre, precedido de varios días de ensaios para que os convidados se coñezan e constrúan xuntos un repertorio orixinal que fai de Cantos na Maré un espectáculo único. Contará coa dirección musical de Paulo Borges (Azores-Portugal), que tocará o piano e estará á fronte dunha banda que completan José Manuel Díaz (Cuba, contrabaixo), Quiné (Portugal, batería e percusións), Moisés Fernandes (Portugal, trompeta) e Sérgio Tannus (Brasil, guitarra e cavaquinho).

Cantos na Maré é unha produción de Nordesía, co patrocinio do Concello de Pontevedra e a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Novacaixgalicia. A nova edición presentárona esta mañá na Casa do Concello de Pontevedra a concelleira de Cultura da cidade, Anxos Riveiro, o director-xerente de Nordesía, Paco de Pin, e a directora artística, Uxía.»